© Manuel Pazos Gómez
Reservados todos os dereitos legais. Ningún contido desta páxina poderá ser reproducido ou modificado sen permiso do propietario.
Páxina persoal de Manuel Pazos Gómez
XORNADA LITERARIA CON MANUEL MARÍA
Entrañábel encontro literario co "poeta nacional" Manuel María, celebrado o día 11 de febreiro do ano 2000. Como nos anteriores, houbo unha exposición, venda e sinatura de exemplares da obra do ilustre escritor. Manuel María deu unha maxistral conferencia onde incluíu a lectura de varios dos seus poemas. Posteriormente actuaron Mini e Mero, de A Quenlla, rematando o acto o cantacontos Cándido Pazó. A xornada, presentada por Chus Souto Alvedro, foi de entrada libre cun auditorio abarrotado de persoas que chegaron da bisbarra de Ordes, pero tamén das cidades da Coruña e de Compostela. Todos os actos do día, incluída a cea en homenaxe ao convidado, pasarán á historia como un dos feitos máis transcendentais organizados por esta asociación cultural.
Patrocinaron o acto o Concello de Ordes, Restaurante San Roque, Caixa Galicia, Caixa Nova e Internaco.
XORNADA LITERARIA CON BERNARDINO GRAÑA
Xornada celebrada na Casa da Cultura de Ordes o día 20 de abril do ano 2001, patrocinada polo Concello de Ordes e por Caixa Nova.
Igual que nas anteriores, houbo unha exposición e venda de libros do autor, con sinatura de exemplares. Daniel Pereiro López presentou ao convidado, que deu unha conferencia con lectura de poemas que impactaron pola súa emoción e combatibilidade. Unha velada literario-musical amenizada polo polifacético Xurxo Souto, acompañado por Sofía de Labañou, deu fin a este encontro co histórico poeta que formou parte do grupo Brais Pinto.